Galiñola da Carolina
Galiñola da Carolina | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Rallus carolinus Linnaeus, 1758 |
A galiñola da Carolina[2] ou poliña americana[3] (Porzana carolina) é unha pequena ave acuática gruiforme da familia dos rálidos. Vive en América do Norte. En Galicia pode aparecer como ave accidental.[2] O nome do xénero, Porzana, deriva do termo sporzana da lingua veneciana que designaba este tipo de aves, e carolina refírese á colonia de Carolina dos tempos da colonización inglesa de Norteamérica.[4]
Os adultos teñen unha lonxitude de entre 19 e 30 cm,[5][6][7] coas partes superiores marróns con marcas negras, e cara e partes inferiores grises azuladas, e un barrado branco e negro nos flancos. Teñen un bico curto, groso e amarelo con marcas negras na face na base do bico e na gorxa. Os sexos son similares, pero os individuos novos carecen das marcas faciais negras e teñen unha cara abrancazada e peito beixe. Pesan entre 49 e 112 g.[5]
O hábitat de reprodución da galiñola da Carolina son pantanos de gran parte de Norteamérica.[8] Nidifican en sitios ben agochados entre densa vexetación. A femia xeralmente pon de 10 a 12 ovos, ás veces chega a poñer 18, nun niño con forma de cunca construído con vexetación do pantano. Os ovos non fan eclosión todos á vez. Ambos os pais incuban e alimentan as crías, as cales abandonan o niño pouco despois da eclosión e poden voar un mes despois.
Migran ao sur dos Estados Unidos e norte de Suramérica. Son aves errantes moi raras en Europa occidental (accidentais en Galicia[2]), onde se poden confundir coa galiñola pinta. Porén, esta última ten sempre un peito con pintas, unha banda na parte superior da cabeza e un debuxo diferente nas ás.
Aliméntanse mentres camiñan ou nadan. Son omnívoras e comen sementes, insectos e caracois. Aínda que son aves máis fáciles de oír que de ver, ás veces poden verse camiñando preto de augas abertas. Son bastante comúns, malia a diminución nos últimos tempos dos hábitats axeitados para elas. A súa chamada é un asubío lento que soa ker-ui, ou un rincho descendente. Usar gravacións coa súa chamada incrementa moito as posibilidades de oíla e vela, xa que adoita investigar a fonte da chamada.
Distribución
[editar | editar a fonte]Vive na maior parte de América do Norte,[9] onde é unha especie común que aparece de forma natural en 49 dos estados dos Estados Unidos (a única excepción é Hawai), as 10 provincias do Canadá e 2 territorios canadenses. Reprodúcese desde Nova Escocia e cara ao noroeste ata o sur do Yukón e Territorios do Noroeste, cara ao sur ata California, Arizona e Novo México e cara ao nordeste ata Pensilvania e Nova Inglaterra. Os terreos de invernda están na parte norte de Suramérica, incluíndo Ecuador, Colombia e Venezuela, cara ao norte por América Central e México ata o sur de California polo oeste e ata as rexións costeiras do sur dos Estados Unidos. Desde o sur de Kansas ata o norte e leste de Texas e nas áreas interiores do sueste dos Estados Unidos, esta ave obsérvase normalmente só durante a migración da primavera e outono. Nunhas poucas áreas do oeste dos Estados Unidos, como California central e áreas de Arizona e Novo México, a galiñola da Carolina pode estar presente todo o ano.[9] En Europa occidental, incluída Galicia, é unha ave accidental, e a especie foi rexistrada tamén en Islandia, Gran Bretaña e Portugal. En Suramérica rexistrouse como ave errante no Lago Titicaca andino.
Comportamento
[editar | editar a fonte]Migración
[editar | editar a fonte]A migración cara ao norte da galiñola da Carolina ocorre en primavera, principalmente en abril e maio. Por exemplo, no centro leste de Kansas detectáronse significativamente (p<0,05) máis galiñolas desde o 24 de abril ao 7 de maio que os períodos de dúas semanas anteir e posterior. No sueste de Missouri, foron observadas desde o 25 de marzo ao 6 de maio.[10] En cambio, detectáronse primeiro en abril e ata inicios de maio en Colorado,[11] Iowa, e Minnesota.[12] Nun resumo sobre as primeiras deteccións de galiñolas da Carolina en Minnesota, Manitoba e Saskatchewan, a conclusión era que estas ocorreran en abril.[13]
A partida das galiñolas aos seus tereos de reprodución empeza en xullo e acaba en outubro. Foron observadas regresando aos tereos de invernada en Arizona ata xullo.[14] Aínda que os movementos locais poden escurecer a migración de xullo, a maioría da migración ocorreu en agosto e setembro en Colorado. No norte de Ohio, a abundancia da especie incrementábse a finais de agosto e setembro pola chegada de individuos migrantes.[15] No sur de Missouri, foron obsevadas desde o 5 de setembro ao 27 de outubro.[10] Foron observadas en Manitoba e Saskatchewan en outubro.[13]
Nidificación
[editar | editar a fonte]Aínda que as actividades de nidificación da galiñola da Carolina se observaron desde finais de abril ata principios de agosto, o pico do período de nidificación ocorre tipicamente desde maio a inicios de xullo. En Nova York, a nidificación iniciábase a finais de abril.[16] Un estudo de niños e de datos na litratura destas galiñolas en Colorado informou dunha posta iniciada a inicios de agosto. Porén, os datos do inicio medio da posta indicaban que ocorría en maio e xuño en rexións do estado.[17] Os estudos feitos no norte de Ohio,[15] Dacota do Norte e Alberta [18] informan de nidacións desde maio a xullo. Noutro estudo recompilatorio informouse de niños con ovos de galiñola da Carolina desde inicios de maio a inicios de xuño en Indiana.[19]
As femias empezan a construción dos niños con forma de pratiño no chan ou sobre unha plataforma sobre augas pouco profundas ao inicio da posta dos ovos.[16][17] O tamaño de posta normalmente oscila de 8 a 13 ovos,[17][19] aínda que se informou de tamaños de posta de ata 16 ovos.[12][17][18] Os dous pais incuban os ovos. A incubación dura aproximadamente 19 días, aínda que se informou na literatura dun amplo rango de períodos de incubación.[18] Os ovos fan eclosión nun período de 2 a 13 días.[12] As crías son precoces e capaces de camiñar e nadar curtas distancias (< 0,91 m) ao final do seu primeiro día. As galiñolas novas son independentes aproximadamente ás 4 semanas de idade.[17][20] Crían só unha vez por estación.[17] Algunhas roladas de polos poden ser segundos intentos de nidación, pero só hai un informe na literatura dun segundo intento de nidificar despois dunha nidificación exitosa.[18] Para máis información sobre o comportamento reprodutor da galiñola da Carolina, ver.[12] Para información sobre parasitismo de crianza conespecífico e a discriminación entre ovos propios e alleos na galñola da Carolina, ver.[21]
As taxas de éxito na nidación varían segundo o lugar e o ano. Na literatura as proporcións de nidación exitosa varían desde 0,61 en Míchigan a 0,833 en Minnesota.[15] No oeste de Nova York, a taxa de éxito de 6 niños de galiñola da Carolina era do 0,43, e a do éxito diario era de 0.97.[16] Usando datos do programa de rexistro de niños do Laboratorio Cornell de Ornitoloxía, a taxa de éxito de nidación en Norteamérica estimouse en 0,529 nun período de 28 días (n=108).[22] Nun sitio de nidación en Alberta, o 80,6% dos ovos fixo eclosión con éxito, mentres que ao ano seguinte só o 59,6% dos ovos fixeron eclosión. Os autores chegaron á conclusión de que a diminución do nivel de auga interaccionando con predadores e a posibilidade de ser pisados polo gando tiña como resultado un decrecemento no éxito da eclosión.[18] Durante a parte final do verán, as galiñolas da Carolina non poden voar durante un período no que realizan a muda posnupcial.[15]
Tamaño do territorio
[editar | editar a fonte]O tamaño da área onde habita (home range) un determinado individuo de galiñola da Carolina varía. A área de reproducíon e cría no noroeste de Iowa é como media de 0,20 ha.[20] En Arizona, o tamaño da área varía de 0,61ha no inicio da estación reprodutora a 0,81 ha na estación posreprodutora. Estas diferenzas estacionais no tamaño da área onde habita non son significativas (p>0,05).[14]
Supervivencia
[editar | editar a fonte]Disponse de poucos datos sobre a supervivencia da especie. Exemplares marcados con radio (con diminutos transmisores pegados ás costas) en Arizona tiñan unha probabilidade de supervivencia non reprodutora de 0,308. Os autores suxiren que a baixa taxa de supervivencia pode deberse a un incremento da mortalidade das aves marcadas con radio.[22] Causas probables desta mortalidade son a predación e causas de orixe humana como a morte por atropelos nas estradas.[15]
Hábitat
[editar | editar a fonte]Zonas húmidas con vexetación emerxente.
Zonas húmidas
[editar | editar a fonte]A galiñola da Carolina utiliza zonas con augas de diversas profundidades. Foron observadas con frecuencia en augas de menos de 30 cm de profundidade,[10][11][23][24] aínda que a media de profundidade das zonas das que fai elevado uso esta galiñola en Arizona era de 51 cm.[14] No noroeste de Iowa, a media da profundidade da auga nos territorios destas galiñolas era de 38 cm, a cal era unha profundidade significativamente (p<0,025) menor que as profundidades en sitios ao azar en pantanos.[25] Os sitios de nidificación estaban situados en augas menos profundas que os sitios ao azar onde vive no oeste de Nova York.[16] A media de profundidade das augas en sitios de nidación era de 10 cm en 4 niños de galiñola da Carolina estudados en Colorado a case 25 cm no oeste de Nova York.[16] En áreas de augas profundas, normalmente camiñan sobre balsas de vexetación flotante.[20]
As flutuacións no nivel da auga poden causar o abandono dos niños. Por exemplo, nun sitio de Colorado onde o nivel da auga se incrementaba máis de 20 cm, un nino destas galiñolas foi abandonado con 7 ovos.[11] En Alberta, nidifican en máis tipos de vexetación durante os anos secos, moi probablemente debido a unha redución substancial do nivel da auga na vexetación usada o ano anterior.[18]
Utilizan augas menos profundas en outono que en primavera.[10][14][24] Normalmente evitan as augas abertas. Hai unha relación negativa significativa (p≤0,05) entre a área de augas abertas e o uso das zonas húmidas por estas galiñolas en Maine [26] e a abundancia relativa de exemplares en Saskatchewan.[27] No oeste de Nova York, os sitios de nidificación tiñan unha baixa porcentaxe de augas abertas en comparación con sitios ao azar,[16] e en Arizona usaban as zonas de augas abertas menos do que estas estaban dispoñibles.[14]
Vexetación emerxente
[editar | editar a fonte]Os sitios de nidación das galiñolas da Carolina tiñan unha maior porcentaxe de vexetación emerxente, é dicir, que asoma por rba da superficie da auga, que sitios ao azar en pantanos do oeste de Nova York.[16] A cantidade de exemplares en zonas húmidas do nordeste de Dacota do Norte estaban correlacionadas positivamente de forma significativa (p<0,05)(r=0.45) coas hectáreas ocupadas pola vexetación emerxente viva. No leste e centro de Maine, as zonas húmidas usadas polas galiñolas da Carolina tiñan unha área significativamente maior (p=0,01) de vexetación emerxente que as non usadas.[26]
A densidade de vexetación emerxente nos hábitats destas aves varía e vai desde unha media de 121,9 talos/m2 nos territorios das galiñolas no noroeste de Iowa [25] a 333 talos/m2 en sitios do noroeste de Missouri usados durante a migración outonal.[24] No oeste de Nova York a cobertura era maior do 70% no 95% de niños de galiñola da Carolina. Ademais, os sitios de nidificación tiñan máis cuberta horizontal a 0,5 m sobre o nivel das augas que os sitios aleatorios.[16] Porén, a densidade de talos media nos territorios destas aves non era significativamente (p>0,05) diferente da dos sitios ao azar no noroeste de Iowa.[25]
A altura da vexetación emerxente no hábitat da galiñola da Carolina tamén varía desde 20 a 28 cm en primavera despois da alteración invernal no noroeste de Iowa[25] a 210 cm en áreas moi utilizadas pols galiñolas en Arizona.[14] En pantanos do oeste de Nova York, a altura da vexetación media nos sitios de nidificación era menor que nos sitios ao azar.[16] Porén, a altura media da vexetación emerxente nos territorios das galiñolas no noroeste de Iowa non era significativamente diferente (p>0,05) da altura en zonas ao azar.[25]
En Arizona, tanto a cobertura coma a altura da vexetación usada por esta especie variaba coas estacións. Conway suxeriu que as diferenzas probablemente reflectían a variada dieta destas aves.[14] A dispoñibilidade de hábitat en diferentes estacións é outra posible fonte de diferenzas estacionais no hábitat destas galiñolas.[10]
A extensión de vexetación leñosa que rodea as zonas húmidas de Dacota do Sur non estaba asociada significativamente (p=0,6) coa presenza de galiñolas da Carolina. Porén, en pantanos do oeste de Nova York, houbo unha relación significativa negativa (p=0,041) entre a porcentaxe de madeira inundada nun sitio e a abundancia relativa de galiñolas.[16]
As galiñolas da Carolina poden preferir algúns tipos de cobertura. En Arizona, o 65,3% das galiñolas utilizaban Typha domingensis, aínda que esta supoñía só o 16,5% da vexetación. Tamén usaban os Scirpus spp. e unha comunidade arbustiva mixta en proporción maior da que abundaban, mentres que evitaban os Tamarix chinensis e Pluchea sericea.[14] Na literatura indícase que evitan os sitios dominados por Lythrum salicaria. No leste e centro de Maine, as zonas húmidas utilizadas tiñan unha vexetación con significativamente máis vexetación de ericáceas (p=0,05), como Chamaedaphne spp., Myrica spp. e Kalmia spp..[26] En pantanos do noroeste de Iowa, aparece Sagittaria latifolia nos territorios das galiñolas da Carolina significantemente máis a miúdo (p<0,01) que nos sitios ao azar. Johnson e Dinsmore [25] consideraron que isto era probablemente o resultado de que ambas as especies (planta e ave) preferían sitios con condicóns similares. En maio e xuño en Wisconsin, detectáronse galiñolas significativamente (p<0,025) con máis frecuencia en áreas examinadas con Typha que en áreas con Carex spp.. Porén, no suroeste de Wisconsin durante a estación reprodutora, non había unha diferenza significativa (p=0,943) na densidade de galiñolas entre hábitats ocupados predominantemente por Typha spp., Catex spp. ou Scirpus spp..[23] Ademais, o uso que fan as galiñolas da Carolina de hábitats con Typha × glauca, Sparganium eurycarpum, Carex spp., Schoenoplectus fluviatilis e Schoenoplectus acutus var. acutus en pantanos do noroeste de Iowa reflectía xeralmente a dispoñibilidade destes hábitats.[25]
Existen diferenzas estacionais no uso do hábitat polas galiñolas da Carolina. No noroeste de Missouri en primavera, a probabilidade de detectar galiñolas da Carolina en plantas robustas emerxentes, como Typha spp. e Polygonum amphibium var. emersum, era 6 veces superior que a de detectalas alí en outono. Con todo, a dispoñibilidade de hábitats durante diversas épocas do ano non foi estudada.[24] Nun estudo realizdo no sueste de Missouri, as especies de plantas usadas polas galiñolas da Carolina durante a migación de outono e primavera diferían significativamente (p=0,005). Porén, o autor calificaba isto en relación coa súa obsevación de maiores diferenzas estacionais na dispoñibilidade de vexetación.[10]
Comunidades de plantas onde habita
[editar | editar a fonte]Atópase xeralmente en comunidades de plantas dominadas por Typha spp.,[11][12][14][16][18][23] Carex spp.,[10][11][18][23][25] Scirpus spp.,[11][14][23][25] Polygonum spp.,[10][18] Juncus spp.,[10][18] Leersia oryzoides,[24] e Echinochloa spp.[10][24]
Fóra das zonas húmidas, encóntranse principalmente en áreas cultivadas durante a migración ou no período posterior á reprodución.Por exemplo, unha galiñola da Carolina foi observada a 4,8 km das zonas pantanosas nun campo cultivado de Iowa a metade de agosto. Un macho foi observado a menos de 300 m dunha zona húmida grande nun campo de soia (Glycine max) no noroeste de Iowa durante o período posterior á reprodución.[20] De xuño á metade de xullo, foron observados exemplares en granxas de Saskatchewan sementadas principalmente con trigo (Triticum aestivum).[27]
A galiñola da Carolina rexistrouse tamén en áreas arboradas asolagadas.[16][26] No oeste de Nova York, apareceron durante a estación reprodutora nun sitio en estudo onde o 26% da área era considerada "bosque inundado", e o 5% fora clasificado como "arbustivo/pantano arbustivo".[16] No leste e centro de Maine, observouse unha media de 2,1 exemplares en pantanos boscosos por cada 100 horas de observación durante a estación reprodutora.[26] Nun sitio non reprodutor (de agosto a abril) no suroeste de Arizona, esta ave foi atopada utilizando unha "comunidade arbustiva mixta" máis do esperado se nos baseamos na dispoñibilidade dese tipo de terreo.[14] Foron tamén observadas con pouca abundancia nun sitio con Pseudotsuga menziesii, Pinus ponderosa e Populus tremuloides na Columbia Británica.[28]
Temperatura
[editar | editar a fonte]A temperatura pode tamén influír na abundancia desta especie. En Colorado, a temperatura media en abril estaba correlacionada negativamente (p<0,01) (r= -0,94) coa abundancia de galiñolas da Carolina. Nos sitios que tiñan temperaturas media en abril ≤ 6 °C, as galiñolas da Carolina eran máis bundantes que a especie estreitamente relacionada Rallus limicola, mentres que nos sitios máis cálidos a proporción das galiñolas da Carolina respecto dos R. limicola diminuíu.[11]
Densidades
[editar | editar a fonte]As densidades varían de 12 galiñolas/acre en Colorado [17] a 0,47 parella/ha en Indiana.[19] Unha media de 1,3 galiñolas/ha responderon a chamadas nos sitios estudados de Colorado.[11] Unha densidade similar de galiñolas atopouse no sueste de Wisconsin.[23] En Iowa, a densidade media en 2 anos e varos hábitats de pantano era de 1,3 parellas/ha.[25]
Factores que teñen que ver coa paisaxe, como a área de pantano, bordos do hábitat nos pantanos e o número de pantanos na rexión poden tamén influír na especie.
Aínda que as galiñolas da Carolina aparecían en pantanos de todos os tamaños, poden aparecer en grandes densidades en pantanos de tamaño medio. Estaban relacionadas positivamente de forma significativa (p≤0,01) coa área de zona hñumida total e área perimetral de superficie de auga no leste e centro de Maine [26] e estaban relacionados positivamente de forma significativa (p<0,05) coa área de zonas húmidas en Saskatchewan.[27] En Maine, a galiñola da Carolina utilizaba un 10% das zonas húmidas de 1,0 ha, do 40% ao 50% das zonas húmidas de 1 a 2 ha en tamaño, e o 20% das zonas húmidas maiores de 20 ha.[26] No oeste de Nova York, as galiñolas foron significativamente (p=0,007) máis abundantes en pantanos de 40 a 101 ha que nos pantanos menores (<40 ha) ou maiores (100-150nbsp;ha). Ademais, detectáronse niños máis frecuentemente nos pantanos de 40-81 ha.[16]
Tamén parecen preferir hábitats de bordo. A densidade de galiñolas da Carolina reprodutoras estaba significativamente (p<0,001) correlacionado (r=0,62) coa proporción perímetro:área dos pantanos do noroeste de Iowa. A distancia desde o centro dos territorios das galiñolas ao bordo do hábitat era tamén significativamente (p<0,005) menor que desde o centro dos territorios de Rallus limicola.[25] En Arizona, os bordos de hábitat estaban máis próximos ás áreas das que facían grande uso as galiñolas que os sitios aleatorios.[14]
A dinámica das zonas húmidas a unha grande escala pode afectar ás galiñolas da Carolina. Os índices da poboación de galiñolas a 3 "niveis de resposta" estaban correlacionados significativamente (p<0,01) (r≥0,70) co número de lagoas presentes na rexións de pozas de pradeira de Dacota do Norte en maio.[29]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Comen unha gran diversidade de alimentos. Os animais que adoita comer son caracois, crustáceos, arañas e insectos, principalmente escaravellos, grilos, moscas e libélulas.[30][31] Adoitan comer sementes de plantas como Polygonum spp., Scirpus spp., Carex spp. e Echinochloa spp..[15][30][31] As sementes da planta anual Zizania aquatica e Leersia oryzoides cómenas tamén nos Estados Unidos.[30] Na literatura menciónanse como fontes relativamente importantes de alimentos para esta ave as Paspalum spp. e Oryza sativa no sueste dos Estados Unidos. Outras plantas supoñen <5% da dieta das galiñolas da Carolina, entre elas Eleocharis spp., Lemnaceae, Potamogeton spp., Panicum spp., Spartina spp. e Distichlis spicata.[30]
Comen máis alimento vexetal en outono e inverno (68%–69%) que en primavera e verán (40%).[30] O material de plantas como Digitaria sanguinalis, Panicum dichotomiflorum e Setaria spp. apareceu con frecuencias substancialmente máis grandes e en moito maior volume en esófagos de galiñolas da Carolina cando se recolleu no sueste de Missouri durante a migración de outono que cando se recolleu en primavera. Ademais, os animais supoen un maior volume da dieta de primavera que da dieta de outono. O volume de material animal nos esófagos recollido en primavera estaba composto predominantemente de escaravellos adultos e caracois da familia Physidae.[31]
Predadores
[editar | editar a fonte]Varias especies comen ovos de galiñolas da Carolina como os visons americanos (Mustela vison), mofetas (Mephitidae), coiotes (Canis latrans), ictéridos do xénero Quiscalus, corvos (Corvus spp.) e garzas (Ardeidae).[15][18] Tamén se informou de predación de galiñolas da Carolina adultas por visóns americanos, coiotes e falcóns e curuxas.[13][18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Porzana carolina". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 92, 315. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 5,0 5,1 Robbins, C.S.; Bruun, B.; Zim, H.S. (1966). Birds of North America. New York: Western Publishing Company, Inc. ISBN 0-7611-1397-5.
- ↑ Sora (Porzana carolina) European birds online guide. Avibirds.com. Retrieved on 2013-01-05.
- ↑ Andy Swash; Rob Still; Ian Lewington (2005). Birds, Mammals, and Reptiles of the Galápagos Islands: An Identification Guide. Yale University Press. pp. 60–. ISBN 978-0-300-11532-1.
- ↑ Field Guide to the Birds of North America (4th ed.). Washington D.C.: National Geographic. 2002.
- ↑ 9,0 9,1 Cornell Lab of Ornithology. 2003. Sora. In: All about birds: Bird guide. Ithaca, NY: Cornell University, Cornell Lab of Ornithology
- ↑ 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 Rundle, William Dean. 1980. Management, habitat selection, and feeding ecology of migrant rails and shorebirds. Columbia, MO: University of Missouri. Thesis
- ↑ 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 11,7 Griese, Herman J.; Ryder, Ronald A.; Braun, Clait E. (1980). "Spatial and temporal distribution of rails in Colorado" (PDF). The Wilson Bulletin 92 (1): 96–102. JSTOR 4161297.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Kaufman, Gerald W. (1989). "Breeding ecology of the sora, Porzana carolina, and the Virginia rail, Rallus limicola". The Canadian Field Naturalist 103 (2): 270–282. [https://www.biodiversitylibrary.org/item/106991#page/282/mode/1up }}
- ↑ 13,0 13,1 13,2 Nero, Robert W. (2000). "The peregrine falcon and the sora". Blue Jay 58 (3): 125–127.
- ↑ 14,00 14,01 14,02 14,03 14,04 14,05 14,06 14,07 14,08 14,09 14,10 14,11 Conway, Courtney J. 1990. Seasonal changes in movements and habitat use in three sympatric rails. Laramie, WY: University of Wyoming. Thesis
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 Andrews, Douglas Alexander. 1973. Habitat utilization by sora, Virginia Rails, and King Rails near southwestern Lake Erie. Columbus, OH: Ohio State University. Thesis
- ↑ 16,00 16,01 16,02 16,03 16,04 16,05 16,06 16,07 16,08 16,09 16,10 16,11 16,12 16,13 Lor, Socheata Krystyne. 2000. Population status and breeding ecology of marsh birds in western New York. Ithaca, NY: Cornell University, Department of Natural Resources. Thesis
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 17,5 17,6 DeGraaf, Richard M.; Yamasaki, Mariko. 2001. New England wildlife: Habitat, natural history, and distribution. Hanover, NH: University Press of New England
- ↑ 18,00 18,01 18,02 18,03 18,04 18,05 18,06 18,07 18,08 18,09 18,10 18,11 Lowther, James K. (1977). "Nesting biology of the sora at Vermilion, Alberta". The Canadian Field Naturalist 91 (1): 63–67.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 Mumford, Russell E.; Keller, Charles E. (1984). The birds of Indiana. Bloomington, IN: Indiana University Press ISBN 0253107369
- ↑ 20,0 20,1 20,2 20,3 Johnson, Rex R.; Dinsmore, James J. (1985). "Brood-rearing and postbreeding habitat use by Virginia rails and soras". The Wilson Bulletin 97 (4): 551–554. JSTOR 4162153.
- ↑ Sorenson, Michael D. (1995). "Evidence of conspecific nest parasitism and egg discrimination in the sora". The Condor 97 (3): 819–821. doi:10.2307/1369192.
- ↑ 22,0 22,1 Conway, Courtney J.; Eddleman, William R.; Anderson, Stanley H. (1994). "Nesting success and survival of Virginia rails and soras" (PDF). The Wilson Bulletin 106 (3): 466–473.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 Manci, Karen M.; Rusch, Donald H. (1988). "Indices to distribution and abundance of some inconspicuous waterbirds on Horicon Marsh" (PDF). Journal of Field Ornithology 59 (1): 67–75.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 24,5 Reid, Frederic Arthur. 1989. Differential habitat use by waterbirds in a managed wetland complex. Columbia, MO: University of Missouri. Dissertation.
- ↑ 25,00 25,01 25,02 25,03 25,04 25,05 25,06 25,07 25,08 25,09 25,10 Johnson, Rex R.; Dinsmore, James J. (1986). "Habitat use by breeding Virginia rails and soras". Journal of Wildlife Management 50 (3): 387–392. JSTOR 3801092. doi:10.2307/3801092.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 26,5 26,6 Gibbs, James P.; Longcore, Jerry G.; McAuley, Daniel G.; Ringelman, James K. 1991. Use of wetland habitats by selected non-game water birds in Maine. Fish and Wildlife Research No. 9. Washington, DC: U.S. Department of the Interior, Fish and Wildlife Service
- ↑ 27,0 27,1 27,2 Shutler, Dave; Mullie, Adele; Clark, Robert G. (2000). "Bird communities of prairie uplands and wetlands in relation to farming practices in Saskatchewan". Conservation Biology 14 (5): 1441–1451. JSTOR 2641797. doi:10.1046/j.1523-1739.2000.98246.x.
- ↑ Morgan, K. H.; Wetmore, S. P.; Smith, G. E. J.; Keller, R. A. 1989. Relationships between logging methods, habitat structure, and bird communities of the dry interior Douglas-fir, ponderosa pine forests of British Columbia. Technical Report Series No. 71. Delta, BC: Canadian Wildlife Service, Pacific and Yukon Region
- ↑ Niemuth, Neal D.; Solberg, John W. (2003). "Response of waterbirds to number of wetlands in the Prairie Pothole Region of North Dakota, U.S.A" (PDF). Waterbirds 26 (2): 233–23. doi:10.1675/1524-4695(2003)026[0233:ROWTNO]2.0.CO;2.
- ↑ 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 Martin, Alexander C.; Zim, Herbert S.; Nelson, Arnold L. (1951). American wildlife and plants. New York: McGraw-Hill Book Company, Inc.
- ↑ 31,0 31,1 31,2 Rundle, W. Dean; Sayre, Mark W. (1983). "Feeding Ecology of Migrant Soras in Southeastern Missouri". Journal of Wildlife Management 47 (4): 1153–1159. JSTOR 3808182. doi:10.2307/3808182.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Galiñola da Carolina |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Galiñola da Carolina |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeos, fotos, e sons de Porzana carolina na Internet Bird Collection
- Galería de fotos de Porzana carolina en VIREO (Universidade de Drexel)
- Reconto da especie P. carolina – Cornell Lab of Ornithology
- Sora - Porzana carolina – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter
- Mapa interactivo da área de distribución de Porzana carolina en IUCN Red List maps
- Este artigo incorpora material en dominio público do documento do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos "Porzana carolina".